Sunday 28 de April de 2024

O concello lembra a obriga de xestionar a biomasa antes do 31 de maio e de manter todo o ano en bo estado de limpeza os solares nas zonas urbanas


A Policía Local realizou no ano pasado 350 intervencións relacionadas con incumprimentos desas normativas.

A Lei do Solo de Galicia establece o deber legal dos propietarios dos terreos situados en zonas urbanas de mantelos ao longo de todo o ano en bo estado de conservación e nas condicións óptimas de seguridade, salubridade e ornato público.

Ademais, a Lei de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia establece a obrigatoriedade de xestionar a biomasa das fincas e montes cada ano antes do 31 de maio, así como as distancias mínimas a ter en conta nas plantacións forestais.

O Concello está a desenvolver unha campaña informativa -que inclúe iniciativas como a difusión dun bando municipal- co propósito de facilitar á cidadanía o coñecemento e o cumprimento desas normativas.

Ao longo do ano 2022 a Policía Local da Laracha realizou un total de 350 intervencións en todo o termo municipal relacionadas con incumprimentos de ambas leis e que derivaron en requirimentos aos titulares dos terreos para executar as accións oportunas informándolles, ademais, da posibilidade da execución subsidiaria por parte do Concello con repercusión dos custos ao propietario e mesmo da imposición de sancións.

O Concello agradece á veciñanza a súa implicación e sensibilización con estas obrigas, dado que por norma xeral ditos labores se acometen en tempo e sen necesidade de notificación previa.